O Concello executa obras de mellora nas escolas unitarias de Lago e Taraza-Meirás

Co inicio do novo curso escolar, o alcalde de Valdoviño, Alberto González, visitou esta semana as escolas de Taraza-Meirás, Lago e Vilarrube que integran o Colexio Rural Agrupado (CRA) O Esquío e no que cursan os seus estudos de Educación Infantil e primeiros cursos de Primaria 22 nenos e nenas. Unha visita na que estivo acompañado das concelleiras de Cultura e Educación, Rosana García e Jessica Sabín, e Obras, Benito Vega, e na que aproveitou para supervisar as obras de mellora realizadas nas últimas semanas atendendo as demandas da comunidade educativa. Precisamente, coa directora do CRA, María Rodeiro, mantiña tamén unha pequena xuntanza en Vilarrube.
 
Así, na escola unitaria de Taraza-Meirás, o Concello procedeu á renovación do chan da entrada e do pasillo que conduce aos aseos. Sustituiu o vello chan de goma por tarima vinílica, moito máis resistente e cómoda. Ademais, instalou unha nova pileta.
 
Na escola unitaria de Lago, a intervención municipal centrouse no exterior, co acondicionamento da zona axardinada. Retirouse tulla e outras especies que impedían a entrada de luz e favorecía a humidade do inmoble, ademais de restar espazo para o xogo dos máis pequenos e pequenas. En breve, o Concello tamén retranqueará o peche exterior lateral para gañar espazo ao patio. As actuacións completáronse coa dotación de novo mobiliario, financiado neste caso polo propio CRA.