O Concello de Valdoviño abre este mércores a inscrición na Peregrinaxe a Santo André

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, informou esta mañá da apertura do prazo de inscrición na Peregrinaxe a Santo André que organiza o Concello ao abeiro do proxecto «Dende os Camiños de Peregrinación ata o Xacobeo», cofinanciado pola Xunta de Galicia no marco do programa «O Teu Xacobeo». Precísase de inscrición previa. Debe formalizarse na Casa da Cultura de Valdoviño este mércores 18 de setembro (só para as persoas empadroadas en Valdoviño) e o xoves 19 e venres 20 de setembro (persoas empadroadas en Valdoviño e resto de concellos). O horario é de 10 a 13 horas. As prazas están limitadas a 100 e o custe da actividade é de 10 euros (inclúe regreso en autocar e xantar).
 
A Peregrinaxe a Santo André celebrarase o sábado 28 de setembro e na mesma explicarase pormenorizadamente a súa historia, lendas e vinculación con Santiago. Así mesmo, nalgúns puntos do percorrido as persoas participantes poderán gozar de performances nas que se recrearán acontecementos tradicionais do camiño, como pode ser o das caldupeiras. E, á chegada ao santuario, organizarase un xantar tradicional a pé de campo, tal como facían os antigos romeiros.
 
O programa
Ademais, o programa continuará o 11 de outubro no auditorio da Casa da Cultura de Valdoviño, coa proxección da película “The Way”, que aborda a historia de Tom Avery (personaxe interpretado por Martin Sheen) que representa a un oftalmólogo de renome que recibe a noticia da morte do seu fillo Daniel nos Pirineos. Cando Tom se despraza ata o lugar para preparar o enterro, descobre que Daniel estaba a realizar o Camiño de Santiago e decide entón completar a ruta que o seu fillo non puido facer. No cine fórum posterior á película debatirase acerca de como a película incitou a moitos estadounidenses a facer o camiño e das vivencias que os participantes nas visitas programadas sacaron en relación ao camiño. A entrada é libre, aínda que o aforo está limitado a 180 prazas.
 
O 15 de outubro, e no mesmo escenario, o arqueólogo Ángel Concheiro Coello impartirá a charla «Camiños de peregrinación ao longo da historia: camiño de Santo André, Camiño a Teixido e Camiño de Santiago. Recoñecemento social da poboación local”. Aínda que a entrada é libre, será requisito asistir á charla para tomar parte nas visitas a Santo André e a Santiago.
 
E, como broche de ouro ao proxecto, celebrarase unha visita a Santiago de Compostela o 19 de outubro para dar a coñecer aos veciños e veciñas a esencia e xerme do Xacobeo. Incluirá a visita ao Pórtico da Gloria e ao Museo da Catedral, así como un percorrido pola zona monumental. As prazas están limitadas a 50, o custe é de 10 euros e é preciso inscribirse previamente. Informarase proximamente das datas. Nesta liña, solicitaráselles ás persoas participantes nas visitas a Santo André e Santiago que, finalizadas as mesmas, presenten unha fotografía que recolla o mellor momento do seu camiño nesta experiencia. Imaxes coas que o Concello organizará unha exposición nos vindeiros meses.