O Concello de Valdoviño dota o CPI Atios dun novo circuito de auga e procede ao pintado de toda a planta baixa

A uns días de comezar o novo curso escolar, o Concello de Valdoviño vén de concluír os últimos traballos de mellora no CPI Atios. Así o anunciaba o alcalde, Alberto González, que realizaba esta mañá unha visita de fin de obra ao centro educativo na que estivo acompañado do director, Antonio Cebreiro, e máis dos concelleiros de Obras, Alejandro García, e Servizos, Benito Vega.
 
As intervencións requeriron dun orzamento superior aos 28.000 euros e contemplaron o pintado integral da planta baixa -12 aulas, pasillos e hall de entrada- e a substitución dos antigos armarios das clases, moi deteriorados, por baldas e estantes. Así mesmo, e no marco das actuacións de eficiencia enerxética levadas a cabo polo Concello, procedeuse á substitución de todas as lámpadas das aulas por outras de tecnoloxía LED.
 
As obras completáronse cunha actuación moi demandada pola dirección do centro para dar resposta aos problemas de presión da auga: a instalación dun novo circuito de suministro, no que se investiron 8.000 euros.
 
Así mesmo, o alcalde avanzou que o vindeiro verán se completará o pintado de todo o centro, no que estudan máis de medio millar de alumnos e alumnas. Os traballos estenderanse así ás aulas de Secundaria, despois de que nos últimos exercicios, e tras uns 15 anos sen actuacións integrais, se pintase o resto do centro.
 
Outras obras no ano
As obras rematadas súmanse ás realizadas no primeiro semestre de ano, cando CPI Atios e Concello impulsaron diversas melloras nas dependencias de Secretaría, Dirección e na antiga vivenda do conserxe. Nas primeiras, o Concello procedía ao pintado das estancias e á renovación do chan por tarima flotante, namentras que o CPI financiaba a adquisición de novo mobiliario de oficina obrigado polo deterioro do anterior. Así mesmo, a antiga vivenda do conserxe, un edificio anexo ao CPI que alberga a oficina da ANPA Beiramar, tamén era obxecto dunha intervención de acondicionamento que permitía habilitar dúas estancias para os departamentos de Matemáticas e Inglés e Francés. Deste xeito, evitaban ter que realizar as súas xuntanzas na sala de profesores pola falla de espazo, moi necesario dado o incremento na matriculación experimentado nos últimos anos e a continua organización de actividades. Non só iso, nas últimas semanas, a Deputación provincial da Coruña concluía a construción dunha rotonda e dun novo carril de acceso ao aparcamento do centro cun investimento superior aos 130.000 euros.
 
Balance
Ademais, nos últimos catro anos as intervencións foron sucedéndose para dar resposta ás necesidades do centro. Entre elas, a impermeabilización da fachada e amaño de ventanais; a substitución de parte do peche perimetral do recinto; a renovación do chan da biblioteca; o pintado da primeira e segunda planta do centro; a construción dun almacén; a creación de dúas novas aulas; a construción dun aparcadoiro con capacidade para uns cen vehículos, e o pintado da sinalización horizontal e das sinais que delimitan as prazas de estacionamento na zona exterior.