O curso de tiro con arco contou con 22 participantes de todas as idades

Un total de 22 persoas participaron este verán no curso de tiro con arco, impartido polo Club Arco A Frouxeira e promovido polo servizo de deportes do Concello de Valdoviño.
 
As clases tiveron lugar entre o 19 e o 23 de agosto no campo municipal de fútbol de Atios e participaron persoas de todas as idades a partir dos 8 anos, mínimo esixido para poder inscribirse nesta actividade estival.
 
Este curso, impartido por monitores con título nacional, contou coa visita de Iria Grandal García, que foi arqueira olímpica en Londres 2012. A deportista visitou o curso en ata dúas xornadas, aportando a súa experiencia aos participantes do mesmo.
 
O concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, afirmou que é obxectivo do Concello de Valdoviño promover diferentes disciplinas deportivas coma o tiro con arco, un deporte de precisión no que se potencia o control de corpo e mente. Por iso, está previsto dar continuidade a accións deste tipo, en colaboración co Club Arco A Frouxeira, ao que o edil recoñeceu o seu traballo para potenciar este deporte no municipio de Valdoviño.