O Concello abre o prazo para solicitar as subvencións de apoio ao estudo e á conciliación correspondentes ao ano 2019

O Concello de Valdoviño vén de convocar as subvencións de apoio ao estudo e á conciliación correspondentes ao ano 2019, de xeito que as persoas interesadas poden presentar no rexistro a súa solicitude dende mañá martes, 27 de agosto, ata o vindeiro 25 de setembro. Estas axudas van dirixidas a todas as familias con fillos e fillas escolarizadas en Valdoviño ou usuarios do Punto de Atención á Infancia.
 
O Concello de Valdoviño ten reservado un crédito orzamentario de ata 8.000 euros. Deste xeito, as familias poderán obter axudas polos gastos efectuados para material escolar e complementario para os niveis de infantil, primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional; e tamén polo pago das matrículas e participación en Escolas Infantís e Puntos de Atención Infantil do municipio. O obxectivo destas axudas, aprobadas na Xunta de Goberno Local o pasado 18 de xullo e convocadas hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP), é facer efectivo o principio de igualdade no exercicio do dereito á educación, de xeito que as familias sexan quen de afrontar os gastos derivados da escolaridade, independentemente das súas condicións económicas, explicou o alcalde Alberto González. Ademais, preténdese facilitar a conciliación familiar e laboral con axudas para a atención preescolar.
 
Segundo as bases publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do 20 de agosto, para as Axudas de Apoio ao Estudo, que serán de ata 100 euros, establécese un baremo económico máximo para acceder ás mesmas e que varía en función das persoas que integran a unidade de convivencia. Así, para acceder a axudas do 100% os ingresos máximos son de 11.617,34 euros para unidades de convivencia de dúas persoas e de 24.525,50 para as formadas por seis persoas. Tamén se pode acceder a axudas do 50%. Neste caso, os ingresos máximos establecidos para as unidades de convivencia antes citadas son 12.908,16 e 27.752,54 euros, respectivamente.
 
Nesta liña de axudas, subvenciónase a adquisición de material escolar funxible, como cores, libretas, folios, tinta de impresora e outro material específico da formación profesional. Tamén outro material complementario, como poden ser regras, compás, estoxos, mochilas, libros de lectura, pen drive ou mesmo material deportivo (chandal, tenis, camisetas ou calcetíns).
 
No que respecta ás subvencións para gastos de conciliación en escolas infantís e puntos de atención infantil (0-3 anos), a contía máxima da axuda será do 40% dos gastos realizados e xustificados, sen que a cantidade poida superar os 800 euros para a xornada completa e os 500 para a media xornada ou as horas complementarias. As bases establecen ademais que os gastos deben corresponder ao curso 2018/2019 e que para poder optar a estas axudas a renda anual da unidade familiar non pode superar os 25.000 euros.
 
Poden consultarse as bases completas da convocatoria no seguinte enlace Subvencións para o apoio ao estudo e á conciliación ano 2019 do concello de Valdoviño.