O Concello organiza a III Andada Surfeira

O Concello de Valdoviño, a través da Concellería de Cultura, promove neste mes de agosto a III Andada Surfeira. Unha iniciativa con participación gratuíta, aínda que con necesaria inscrición previa. Para formalizala o Concello abrirá o prazo mañá martes, 27 de agosto, mércores 28 e xoves 29 (ata as 14 horas) a través do correo electrónico cultura@concellodevaldovino.com. Haberá que facer constar o nome e apelidos, concello de procedencia e número de teléfono de contacto. Así mesmo, tamén se pode formalizar de xeito presencial, na Casa da Cultura, ou telefónica, no 981 48 76 66. Neste caso, de 10 a 14 horas. En todo caso, é gratuíta.
 
O itinerario da III Andada Surfeira do Concello de Valdoviño discurrirá pola estrada da Costa e terá como destino final a praia de Pantín. Celebrarase o sábado 31 de agosto, partirá ás 10 horas da praia pequena da Frouxeira, e cubrirá un itinerario de dificultade baixa.
 
Dende o Concello sinálase que se dará por finalizada a actividade no punto de chegada, tendo cada participante que organizar pola súa conta o regreso. Así mesmo, poderán tomar parte menores de idade debidamente inscritos, aínda que terán que acudir cun adulto que se responsabilice do mesmo. O material recomendable para esta camiñada é o habitual para este tipo de actividades, aconsellando levar roupa deportiva cómoda e protección para o sol.