Aberta a inscrición na I Andada Senda das Ondas

O alcalde, Alberto González, anunciou esta mañá a posta en marcha dunha nova iniciativa de promoción dos principais recursos naturais do municipio: a I Andada Senda das Ondas. Unha ruta única de 20 kms entre Pantín e Punta Frouxeira que o Concello habilitaba no primeiro semestre do ano. Transcorre integramente pola costa e permite coñecer catro praias do Concello que, ademais de pola súa grande riqueza ambiental e paisaxística, destacan pola súa calidade para a práctica do surf: Vilarrube, Baleo, Pantín e A Frouxeira. O percorrido ofrece ademais unha paisaxe conformada por algúns dos tramos máis espectaculares da costa galega, que se poden apreciar en todo o seu esplendor desde os tres miradoiros que se atopan ao longo do percorrido: San Xiao, Oural e Paraño, este último seleccionado como un dos 50 miradoiros imprescindibles de Galicia.
 
Entre os puntos de interese destacan a praia de Vilarrube, o Miradoiro de San Xiao, o Miradoiro do Oural, a praia do Baleo, a praia de Pantín, o Miradoiro do Paraño, a Lagoa da Frouxeira, o complexo dunar da praia da Frouxeira e o mesmo areal.
 
Así, a I Andada Senda das Ondas celebrarase o venres 16 de agosto con participación gratuíta pero inscrición previa, xa que as prazas son limitadas. Pode formalizarse hoxe, mañá xoves 8, venres 9, martes 13 e mércores 14 de agosto, tanto de xeito presencial na Casa da Cultura como no teléfono 981 48 76 66 (nos dous casos de 11 a 13 horas).
 
Partirá ás 8,30 horas con punto de encontro na Volta da Veiga (AC 566, p.k. 20,400).