Concello e Valdoviño Azul organizan unha nova ruta guiada pola zona mineira do Porto

O Concello, a través da Concellería de Cultura, e a Asociación Valdoviño Azul únense unha vez máis para organizar unha nova ruta guiada pola antiga zona mineira do Porto. A iniciativa, segundo explicou o alcalde, Alberto González, celebrarase o sábado 10 de agosto ás 11,30 horas. As prazas son limitadas e a participación é gratuíta, aínda que se precisa de inscrición previa.
 
Así, as persoas interesadas deben formalizala na Casa da Cultura ou no teléfono 981 48 76 66 o martes 6, o mércores 7 ou o xoves 8 de agosto de 11 a 13 horas. O punto de encontro é a caseta da praia dos Botes, de 11,15 a 11,30 horas e, dende aí, iniciarase o percorrido, con introdución á flora da zona.
 
A iniciativa celebrouse recentemente, o pasado 29 de xullo, pero dada a alta demanda rexistrada decidiuse reeditala en agosto.