Proxección este xoves do filme “Peter Rabbit”

O Concello de Valdoviño convida á veciñanza a inaugurar o mes de agosto cunha nova sesión de cine nocturno ao aire libre. Neste caso, co filme infantil «Peter Rabbit». O pase terá lugar este xoves 1 de agosto, a partir das 22 horas, na praza da Casa da Cultura. A iniciativa conta co apoio da Deputación provincial a través da Rede Cultural.

A película está protagonizada por Peter Rabbit, un coello rebelde e aventureiro que vive xunto á súa familia e amigos, un grupo variopinto de animais. Todos eles farán das súas na granxa dos McGregor, lugar en cuxo xardín dispoñen de deliciosos vexetais. Pero a disputa de Peter co Sr. McGregor intensificarase máis que nunca xa que competirán polo afecto de Bea, unha amante dos animais de bo corazón.

Trátase dunha adaptación contemporánea, mistura de acción real e animación, dos contos clásicos de Beatrix Potter, e está dirixida por Will Gluck.