Presentación da obra “Morriña da Frouxeira”

A praia da Frouxeira, os sentimentos que esperta nos veciños e veciñas, pero tamén en quen dela se alonxa, protagonizan o libro «Morriña da Frouxeira». Unha publicación que se presentará oficialmente este sábado, 3 de agosto, no Café Bar A Morriña de Valdoviño, nun acto con entrada libre e aberta que dará comezo ás cinco e media da tarde.
 
A obra nace do primeiro certame literario «Morriña da Frouxeira», promovido polo establecemento hostaleiro xunto á Editorial Editorium, e cunha madriña de luxo, Evangelina Hermida, coñecida por todos como «A Trovadora da Frouxeira». Ela asina o prólogo da publicación, cando se cumple xustamente un ano da presentación do seu primeiro libro: «Versos dende a marquesina», que publicaba con 88 anos.
 
«Morriña da Frouxeira» recolle relatos curtos e poesía en torno a este espazo natural singular. Doce historias entre as que se atopan as gañadoras do certame literario, e máis outras que resultaron finalistas. Son: «La boda de Aldara», de Malena Teigeiro, primeiro premio do certame; «El rincón de Servando», de Antonio Bianqui, segundo clasificado; «Rocas maternales» de Ismael López Rodríguez e «Aurora» de Carolina Olivares, que comparten o terceiro posto; «Esa mezcla perfecta» de Sara Serantes, premio de honra, e outros oito relatos asinados por Ángeles Carbajo, Fina Castro, Finy Sesmonde, Isabel Rodríguez Camacho, Marta Tenreiro, Pedro Sande, Pilar Durán e Wilson Lourido. Todos eles acudirán á presentación deste sábado.
 
Do libro editáronse 350 exemplares, que están á venda ao prezo de 10 euros no Café Bar A Morriña e que o público poderá adquirir o propio sábado.