A Xunta concede unha achega ao Concello para a promoción do Pantín Classic como Festa de Interese Turístico de Galicia

O alcalde, Alberto González, informou esta mañá da concesión dunha achega por valor de 6.000 euros por parte da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia ao abeiro da declaración do Pantín Classic Galicia Pro como Festa de Interese Turístico de Galicia. Unha subvención solicitada polo Concello de Valdoviño que recibía o visto bo da Administración autonómica. Concorría en concreto a dúas liñas de axuda. A primeira, destinada a apoiar, promocionar e difundir as festas declaradas de interese turístico de Galicia. Neste concepto, o Pantín Classic Galicia Pro recibirá unha subvención de 3.000 euros, que permitirán ao Concello contribuír á programación cultural do evento mediante a contratación do espectáculo «Tradicción», da compañía Nova Galega de Danza.
 
Estarán en Pantín o sábado 24 de agosto, realizando un percorrido lúdico polas raíces do noso folclore. O seu último espectáculo pretende sorprender ao público utilizando os elementos que conforman o seu propio imaxinario colectivo. Unha peza que profundiza na raíz en busca da contemporaneidade: terra, percusión, madeira, vento, forza, pobo, movemento, pel, destreza e virtuosismo. A reinterpretación da tradición é un motivo recurrente ata a saciedade nas propostas artísticas do país, pero por esa mesma razón Nova Galega de Danza considera un reto reinventar a perspectiva coa que se aborda.
 
A dirección artística do espectáculo corre por conta de Jaime Pablo Díaz e Vicente Colomer, e a dirección musical, de Pedro Lamas.
 
A segunda liña de axudas ía dirixida á posta en marcha, durante a celebración das festas de interese turístico, da campaña de información e sensibilización fronte á violencia sexual en espazos públicos "AGRESIÓNOFF, Eu digo non á violencia sexual», financiada con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade. Neste senso, o Concello recibirá unha axuda de 3.000 euros para materializar esta iniciativa no Pantín Classic Galicia Pro.