O Concello adxudica a segunda fase das obras que dotarán a Valdoviño do seu primeiro centro sociocomunitario

O Concello de Valdoviño adxudicou a segunda fase da intervención que convertirá o antigo mercado municipal no primeiro Centro Sociocomunitario do municipio. Así o avanzou esta mañá o alcalde, Alberto González, quen sinalou que a empresa que levará a cabo as obras será a firma Manuel Barcia García, cun orzamento de 59.900 euros. A actuación iniciarase no prazo dun mes, unha vez conclúa a primeira fase, e permitirá completar esta actuación de modo que o Centro Sociocomunitario sexa unha realidade antes de rematar o ano.
 
Nesta liña, Alberto González explicou que as instalacións abrirán as súas portas a finais de 2019, enchendo de actividade o centro, aínda que a intención do Concello é continuar a intervención cunha terceira fase, independente ás dúas primeiras, e que consistirá fundamentalmente en aumentar unha altura e crear unha pasarela entre este edificio e a Casa da Cultura, sita a escasos metros.
 
Respecto á segunda fase, o alcalde explicou que os traballos contemplan actuacións en materia de electricidade, iluminación, fontanería e acabados, así como a redistribución dos aseos e cuarto da limpeza, e a instalación do pavimento.
 
Investiranse preto de 60.000 euros, que se suman aos 236.295,01 euros que precisou a primeira fase e que co cofinancian Xunta e Concello. Unha e outra teñen o mesmo obxectivo: a rehabilitación integral do antigo mercado municipal para usos sociais.
 
Sobre o inmoble As dependencias sitúanse á entrada da parroquia de Valdoviño, na estrada de Cedeira, e na área de influencia do Centro de Saúde, do Auditorio, do Museo do Surf e da Casa da Cultura. Actualmente alberga as dependencias da Garda Civil e do Xulgado de Paz, aínda que a maior parte da súa superficie, noutrora mercado, estaba en desuso tras a xubilación da titular do único negocio que durante anos ocupou o inmoble. Así, hoxe en día, o local utilizábase como almacén municipal.
 
A edificación destinarase a usos sociais, asociativos, de ocio, culturais e mesmo deportivos. Tamén será un espazo de encontro, reunión e actividade para os veciños e veciñas. Compatibilizará estes usos coa celebración de charlas divulgativas, accións formativas...