As obras de construción do primeiro campo de fútbol de herba artificial de Valdoviño alcanzan o seu ecuador

Dous meses despois do seu inicio, as obras de construción do primeiro campo de fútbol de herba artificial en Mourente avanzan a moi bo ritmo e, a día de hoxe, practicamente alcanzaron o seu ecuador. Así o constatou esta mañá o alcalde, Alberto González, e o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, nunha visita de supervisión, xunto á dirección de obra, ás instalacións. Así, o Concello concluíu ata o momento os traballos de movemento de terras e está a piques de rematar a instalación da rede principal do sistema de rego e máis do sistema de saneamento.
 
A intervención conta cun orzamento de 268.519,45 euros procedentes dunha achega da Deputación provincial da Coruña e o contrato estipula un prazo de execución de 7 meses.
 
O terreo de xogo, que utiliza a SD Valdoviño e esporadicamente os veteráns do equipo de Lago, atopábase nun estado de grave deterioro, con graves deficiencias dende a súa construción que impedían un uso continuado.