Valdoviño acollerá a xuntanza d@s nen@s rus@s participantes no programa de acollida familiar de Ledicia Cativa

Valdoviño convertirase este ano no punto de encontro dos nenos e nenas rusos que cada ano veñen a pasar o verán con familias de acollida en Galicia da man da asociación Ledicia Cativa. Unha xuntanza que se celebrará este sábado, 20 de xullo, por primeira vez no municipio. Acudirán preto de 40 nenos e nenas e as súas familias de acollida, co que se estima a chegada dun centenar de persoas. A boa sona que colleu a localidade tras albergar durante os últimos dous anos a xuntanza comarcal, levou a Ledicia Cativa a proxectar a súa reunión autonómica en Galicia.
 
Nen@s e familias gozarán dunha xornada eminentemente lúdica. Comezará sobre as 12 horas, coa súa chegada á praia da Frouxeira –escenario no que poderán seguir a procesión marítima na honra da Virxe do Carmen-. Ao seu remate, o alcalde, Alberto González, daralles a benvida e faralles entrega dalgún agasallo. De alí, partirán cara o encoro das Forcadas, onde celebrarán un xantar-picnic de confraternidade e, xa pola tarde, poderán participar nas propostas lúdicas organizadas polo Concello: a ludoteca itinerante «Eira Xandobeleira» e a actuación de MeRe Clown.
 
 
Sobre Ledicia cativa
 
O Concello de Valdoviño ten colaborado estreitamente coa organización sen ánimo de lucro Ledicia Cativa para dar a coñecer o seu programa de acollida de nenos e nenas da rexión rusa de Briansk, a máis afectada pola radiación de Chernobyl, que impulsa dende hai máis de dúas décadas.
 
Ledicia Cativa explica que os nenos e nenas acollidos durante os meses de verán proceden de casas de acollida e de familias tuteladas pola Federación rusa. Así mesmo, en procesos recuperativos de saúde, tamén favorecen a acollida de nenos e nenas doutras rexións rusas que están afectadas de forma non menos perigosa por serios desastres socioeconómicos e ambientais, ocorridos na época soviética e que non son tan coñecidos en Occidente como o de Chernobyl.
 
A recuperación da saúde física e sanitaria do menor é o seu principal obxectivo e explican que o descanso recuperativo físico e psíquico, para paliar as consecuencias da radiación, co fin de aumentar a súa esperanza de vida, acádase pola ausencia de radiación, o excelente clima e a diversidade e riqueza da alimentación de Galicia. De aí a importancia da implicación das familias da Comunidade para lograr ese fin.