Valdoviño celebra este venres e sábado as Festas na honra da Virxe do Carmen

Será no marco incomparable da Frouxeira. Nas inmediacións do areal e lagoa, a Comisión de Festas de Valdoviño 2019 avanza un repleto programa de actividades que arrancará mañá venres ao mediodía coa tradicional sesión vermouth coa orquestra Xacobeo. Será a partires das 14,30 horas, con atraccións para os máis pequenos da casa. A mesma formación musical, xunto á orquestra M3, serán as encargadas de amenizar a verbena xa pola noite, a partires das 23 horas.
 
Ao día seguinte, sábado, celebrarase ás 12 horas a tradicional procesión marítima con ofrenda floral na praia da Frouxeira. E, ao remate, a virxe será conducida cara a igrexa do Carmen, onde sobre as 13 h se oficiará unha misa solemne amenizada pola Coral Lembranzas da Terra. Seguiralle a sesión vermouth coa orquestra Anduriña e, xa pola noite, a partir das 23 horas, regresará xunto ao trío Antha para poñer a nota musical á verbena.