O encoro das Forcadas, escenario este sábado da Ludoteca Eira Xandobeleira

O Concello de Valdoviño convida a nenos e nenas a participar da ampla programación da Ludoteca «Eira Xandobeleira», que realizará este sábado 20 de xullo unha parada no encoro das Forcadas, e máisconcretamente nas inmediacións do clube náutico. Será a partires das cinco da tarde, nunha xornada que se completará, a partir das 19,30 horas, cunha sesión de clown a cargo de MeRe Clown. En caso de choiva, as actividades trasladaríanse ao pavillón municipal do Longoiro.

«Eira Xandobeleira» componse dunha colección de xogos para todas as idades elaborados artesanalmente e inspirados en xogos tradicionais de épocas e lugares diversos que sempre está lista para ir a onde for chamada e haxa ganas de xogar e de pasalo ben.

En Xandobela, que significa xogar en barallete, o xogo é unha actividade esencial para o desenvolvemento das persoas e é unha valiosa ferramenta para dar lugar a unha sociedade mellor, promove a comunicación entre as persoas, permite afondar ñas relacións entre os individuos, potenciando a creatividade e o talento, estimulando a posibilidade de ver as cousas de xeitos diferentes, favorecendo mentes abertas, alimentando a capacidade de transformar os conceptos e imaxinar perspectivas novas.

Trátase, en definitiva, dun espazo de ocio alternativo, onde poder gozar do xogo en familia á vez que desenvolvemos as nosas habilidades e destrezas manuais, cognitivas e a capacidade imaxinativa.

Dispón dunha morea de xogos de gran formato de precisión, de lanzamento, de habilidade, de enxeño, de cooperación... algúns son os de toda a vida e outros que reinventaron a partir de materiais de refugallo. Xogos simples e artesanías sen necesidade de pilas, plásticos ou luces de neón...