O Concello saca a contratación o acondicionamento de camiños en Aviño, Lago e Meirás por valor de 60.000 euros

O alcalde, Alberto González, informou esta mañá de que o Concello vén de sacar a contratación as obras de acondicionamento de catro camiños nas parroquias de Aviño, Lago e Meirás por importe de 59.245,64 euros. Os traballos, cun prazo de execución de cinco meses, financiaranse con cargo a unha axuda de Agader.
 
O Concello actuará nos camiños de Espiñuda (Aviño), de Muíño (Lago) e Riobó e Cumiños (Meirás). Viais todos eles en avanzado estado de deterioro, despois de que os últimos traballos de acondicionamento se realizasen hai máis de 15 anos. No seu conxunto, prevese a limpeza de cunetas e reafirmado de bordos para volver os camiños ao seu estado primitivo, cun ancho regular, afirmado dos tramos en terra, pavimentación con triple rego e rebacheo e doble tratamento, así como limpeza de canos e sinalización vertical.
 
As obras están en licitación e os pliegos poden consultarse na plataforma de contratación do sector público. O prazo de presentación de ofertas conclúe o 2 de agosto.
 
En detalle, o camiño de Espiñuda, con entrada e saída á estrada DP 5404, no seu tramo pavimentado está moi deteriorado con fochas e carcomido laterais, sen cunetas definidas, e en xeral con anchos escasos e variables e dificultade de canalización de augas. No caso do camiño de Muíño, con entrada e saída á estrada AC 116, foi pavimentado hai máis de quince anos, e presenta carencias nas recollidas de augas, canos colmatados, cunetas inexistentes no seu primeiro tramo e numerosas fochas e descascados da rodadura. No camiño de Riobó, tamén pavimentado hai máis de quince anos con triplo rego asfáltico, o efecto das escorrentías provocou a deformación dos bordos e presenta numerosas fochas e relados de bordos, falta de cunetas e cepellón central nun tramo. Por último, o camiño de Cumiños, final de tramo da zona de núcleo e aínda en terra, tamén presenta numerosas deficiencias, polo que se actuará para mellorar o firme e a evacuación de augas.