Galicia revalida o título nacional de seleccións autonómicas

A xornada do martes foi decisiva para coñecer á nova campiona de España por equipos autonómicos. A selección anfitriona impúxose nun apertado final sobre a segunda clasificada por tan só 210 puntos. En busca das mellores condicións para os deportistas, a dirección técnica arrincou a competición á primeira hora da mañá na praia próxima de Pantín. Ás 14 h, a proba regresou ao escenario principal, A Frouxeira, e disputáronse o resto das finais que determinarían a selección que levaría finalmente o galardón.

O campionato de seleccións autonómicas deixounos a terceira estrela no palmarés dos galegos. Unha intensa xornada final deixou o cetro nacional en Galicia e os surfeiros, adestrados por Marcos Pita e Uxío Rodríguez, logran o seu segundo título consecutivo.

A clasificación completárona as seguintes autonomías: Cantabria con 12.450 puntos, Canarias con 12.160 puntos, Asturias con 11.690 puntos, Andalucía con 9.358 puntos, Cataluña con 8.280 puntos e Murcia con 5.926 puntos.

Os vencedores das comunidades nas diferentes modalidades foron para Cantabria: Rubén Fonte en longboard, Luís Tausía en bodyboard sub 18, Mario Rasines en surf sub 16 e Fekru Jiménez e Ivone Gómez en surf sub 14; en Galicia para: Guillermo Carracedo en SUP, Martina Álvarez en surf sub 16 Unai Ameneiro en bodyboard sub 14 e Ana Pena en bodyboard feminino; en Asturias para Nerea Donaire e Kike Suárez en surf sub 18; en Canarias para Lucía Machado en surf feminino e Javi Domínguez en bodyboard open e en Cataluña para Vicente Romero en surf open.

O seleccionador de galego, Uxío Rodríguez, recoñecía tras o campionato: “é incrible gañar o campionato de España por equipos, para moitos deportistas é un título moi importante”.

A cerimonia de trofeos deixou un bonito espectáculo de cores no paseo da Frouxeira. Dous días de gran surf nos que se puido ver o bo ambiente que se vive entre os deportistas das diferentes comunidades autónomas.

Hoxe será a quenda das categorías júnior. A partir das 7 h da mañá volverá á praia da Frouxeira o surf coas categorías júnior. A competición chegará ata o venres, día no que se decidirán os sete títulos restantes.