O Océano Surf Museo acollerá este martes un taller de fotografía.

O Océano Surf Museo acollerá mañá martes, 25 de xuño, un taller teórico-práctico de fotografía a partir das 18 horas. Unha actividade gratuíta integrada na programación deseñada polo Concello para esta semana, coincidindo coa celebración do Campionato de España de Surfing. As persoas interesadas en tomar parte deben anotarse a través deste formulario de inscrición: http://bit.ly/ACTIVIDADESOSM.

Segundo explicou o alcalde, Alberto González, o obradoiro correrá a cargo da Asociación de Fotografía de Ferrolterra, que descubrirá pequenos trucos para a creación de fotos relacionadas co surf. Falarase sobre fotografía panorámica, obxectivos, foto submariña, drons...

Así mesmo, esta mesma asociación xa está a traballar na recompilación de fotografías relacionadas coa forza das ondas, a costa e a importancia do mar no territorio. As persoas asociadas, e todas aquelas outras que queiran participar, poden subir as fotografías que desexen a unha plataforma compartida a través da seguinte ligazón. http://bit.ly/exposicionosm. E, aquelas imaxes máis orientadas ao título “A Forza da Costa das Ondas”, serán expostas na Sala de Exposicións Temporais da Casa da Cultura de Valdoviño. A inauguración desta exposición será este xoves 27 ás 21,30 h.

Xusto antes da inauguración da expo, o museo contará coa presenza de Vicente Irisarri, quen ensinará os detalles do Océano Surf Museo nunha visita guiada (inscrición aberta en http://bit.ly/ACTIVIDADESOSM).

Ademais, como é de costume, o museo ten as portas abertas de xeito gratuíto de luns a venres de 9 a 14 h e as fins de semana e festivos de 12 a 14 e 16 a 19 h.