O CPI Atios acolleu a presentación de “Espello”, curta baseada no relato gañador do concurso “Suprime o control”

Os alumnos e alumnas da ESO do CPI Atios de Valdoviño foron onte á tarde os primeiros en poder ver “Espello”, curtametraxe baseada no relato gañador do concurso “Suprime o control”. O centro educativo acolleu a «premier» nun acto ao que acudiu o deputado provincial Xosé Manuel Soto e o alcalde, Alberto González, así como a concelleira Rosana García e a técnica da Deputación Eva Ovenza. Xunto a eles, o director do CPI, Antonio Cebreiro, e docentes do colexio.
 
O relato, de S. Gesto Castro (Shawn), do CPI Atios de Valdoviño resultou seleccionado polo xurado entre os 21 presentados ao certame. O tema central da curta é a diversidade afectivo sexual e a reivindicación da propia identidade de xénero, visibilizando unha realidade que existe entre moitas persoas, que é a de nacer cun corpo equivocado. Durante o proceso de gravación, contouse coa participación do alumnado de 3o e 4o da ESO e dunha parte do profesorado do propio centro, chegando a participar na rodaxe 22 persoas.
 
Precisamente, ademais do visionado do traballo, tivo lugar a entrega de diplomas ao alumnado participante, así como a Gesto Castro.
 
Durante a súa intervención, Xosé Manuel Soto explicou que a Deputación da Coruña impulsou durante os cursos académicos 2016/2017, 2017/2018 e 2018/2019 o programa «Suprime o Control». Neste punto, lembrou a modo de homenaxe a Ánxela Franco, deputada de Benestar Social ata o seu pasamento hai escasas semanas e promotora de programas como este. Homenaxe á que se sumaban os presentes rompendo nun sentido aplauso.
 
Retomando o proxecto, sinalaba que o obxectivo primordial era poñer en marcha un programa socioeducativo para a sensibilización e a prevención da violencia de xénero entre o alumnado de 3o e 4o da ESO dos centros educativos públicos da provincia, naqueles concellos menores de 20.000 habitantes. Así, a identificación e a prevención da violencia de xénero máis sutil, relacionada coas condutas de control nas parellas adolescentes, foi o foco central do programa. En total, con este programa chegouse a 36 centros educativos, podendo incidir en 2.300 alumnos e alumnas, e a 33 concellos. Nesta anualidade en concreto, os concellos participantes foron os das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, máis concretamente os concellos de Ares, Cariño, Cedeira, Fene, Monfero, Mugardos, Neda, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño.
 
Non só o traballo co alumnado foi importante, senón tamén o realizado con nais e pais nos encontros coas familias, nos que participaron 295 persoas.
 
Ademais dos obradoiros que se realizan nas aulas, outra acción de sensibilización do programa foi o concurso de microrrelatos, cuxo premio consistiu na gravación dunha curtametraxe inspirada no microrrelato gañador, en colaboración co centro educativo e o alumnado participante. Premio que recaeu en Gesto Castro.
 
Galería de imaxes do acto: Presentación no CPI Atios de “Espello”, curta baseada no relato gañador do concurso “Suprime o control” e entrega de diplomas.