O Concello abre a inscrición no programa Concilia Tempos, ocio didáctico para nenos e nenas en xullo e agosto

O alcalde, Alberto González, informou esta mañá que o Concello, a través da Concellería de Servizos Sociais, porá en marcha nos meses de xullo e agosto o programa municipal Concilia Tempos.
 
Un recurso para favorecer a conciliación familiar e laboral das familias do municipio nas vacacións escolares e unha completa oferta de actividades de ocio didáctico para os máis pequenos e pequenas da casa, como roteiros, xogos, deportes, natureza, investigación...
 
Celebrarase durante os meses de xullo e agosto, de 9 a 14 horas e, novamente, as actividades desenvolveranse na parroquia de Pantín e terán o areal e o local social como escenarios principais. As familias con nenos e nenas de 3 a 12 anos (escolarizados en Educación Infantil e Primaria) interesadas no programa poden formalizar a súa inscrición ata o 21 de xuño.
 
As prazas están limitadas a 20 por mes e a cota a abonar, segundo ordenanza municipal, é de 40 euros. Así mesmo, as familias numerosas teñen un desconto do 20%.
 
En caso de que a demanda supere a oferta os aspectos a valorar á hora da concesión das prazas será estar empadroado/a no Concello –presentar volante-; estudar nalgún dos centros educativos de Valdoviño, e persoas proxenitoras traballando –documentación acreditativa-. Estes aspectos serán preferentes, pero recolleranse todas as solicitudes ata cubrir prazas.
 
Máis información, no departamento municipal de Servizos Sociais (na Casa Consistorial e no teléfono 981 48 70 41 extensión 5).