Aberto o prazo para solicitar unha praza no Campus de Verán do RC Celta en Ares

O Concello de Valdoviño pon a disposición dos nenos e nenas de entre 4 e 16 anos, empadroados no municipio, unha praza para participar no Campus de Verán da Fundación Celta by Cabreiroá que se celebrará en Ares entre o 15 e o 19 de xullo.
 
Nesta liña, o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, explicou que a iniciativa é posible grazas á xenerosidade da SD Valdoviño, institución agraciada a pasada fin de semana coa praza no transcurso da VIII Gala de Fútbol de Ferrolterra- Premios Voltaaría. Así, a directiva do clube local púxose en contacto co Concello para brindar a posibilidade de participación a un/ha neno/a de Valdoviño. E, con ese obxectivo, o Concello vén de abrir o prazo para recoller as solicitudes. As persoas interesadas deben presentala no Rexistro Xeral da casa consistorial e o prazo conclúe este xoves –incluído-.
 
O venres, data límite para confirmar a participación á Fundación do RC Celta de Vigo, celebrarase o sorteo entre as peticións presentadas. O campus ofrece ás/aos rapazas/ces uns días de adestramentos, diversión, compañeirismo e moito fútbol da man dos mellores adestradores da canteira celeste. Nel, ofrécese un servizo de adestramento semellante ao que se realiza durante a tempada na centeira co obxectivo de desenvolver as capacidades individuais e colectivas dos/as participantes a través da mesma metodoloxía do RC Celta.