Os nenos e nenas de Infantil do CPI Atios sacan das aulas as súas obras de arte

Con tan só 3, 4 e 5 anos, os alumnos e alumnas de Educación Infantil do CPI Atios inaugurarán mañá venres, 7 de xuño, a súa primeira mostra de arte. Leva por título «Supercores 84», en alusión á explosión de cores que emana das creacións, inspiradas na obra do creador brasileiro Romero Britto, e ao número de estudantes do ciclo. A inauguración terá lugar na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura de Valdoviño nun acto que principiará ás cinco e media da tarde e, tal e como sinala Iago Cadarso Vázquez, docente do ciclo, a el está convidado todo o mundo. Baixo a supervisión do equipo docente, serán nenos e nenas as encargadas tamén de guiar ao público polas súas obras, recepcionar aos visitantes na xornada e actuar como pequenos galeristas.
 
O proxecto inclúese no programa PITEAS, promovido pola Fundación Barrié coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a participación da Unidade de Altas Capacidades da Universidade de Santiago de Compostela. Un programa de mellora da formación do profesorado e de apoio e asesoramento aos centros educativos na detección e educación do talento de alumnas e alumnos, e baséase en modelos científicos recoñecidos a nivel internacional e convenientemente adaptados á realidade educativa, económica e cultural de Galicia. O CPI Atios participa do programa a través de varios proxectos simultáneos: «Into Orbit» e «Mission Moon», de ciencia e tecnoloxía que desenvolve o alumnado de 3º de Primaria, 2º e 3º da ESO; seguridade viaria a cargo do alumnado de 2º de Educación Primaria, e máis «Supercores 84». Nestes proxectos, nenos e nenas traballan en temas con aplicación na vida real, desempeñan funcións relacionadas con oficios reais, parten das súas motivacións e desenvolven as súas fortalezas.
 
Actividades, todas elas, vencelladas co currículo e cos contidos das diferentes materias escolares. No caso de «Supercores 84», os nenos e nenas traballaron coa vista posta en idear unha exposición a partir dos traballos de arte que realizan nas aulas, dándolles visibilidade e compartíndoos coa veciñanza. Así, detrás da exposición que mañá se inaugura, hai un traballo de moitos meses no que nenos e nenas foron os protagonistas, tanto nas tomas de decisión como no desenvolvemento dos proxectos, tal e como explica Iago Cadarso Vázquez.
 
Pero o certo é que o equipo docente –integrado polo propio Iago Cadarso, Carmen Paz Ladra, María Manso Lorenzo, Berta Grueiro Pérez, Fernanda Sanjurjo García, Nuria Romero González e Noelia Alonso Malde- xogou un papel determinante no mesmo, tanto pola súa participación na formación específica impartida no marco de PITEAS como pola súa implicación e compromiso máis aló das aulas e horarios lectivos.
 
Tras una serie de visitas a museos –ao Museo da SGHN, Meninas de Canido, AFundación ou Océano Surf Museo- e obradoiros coas familias, o proxecto de Educación Infantil culmina agora na organización dunha exposición de obras de arte creadas polos propios nenos e nenas. En colaboración co Concello de Valdoviño, o alumnado ten así a oportunidade de expoñer a toda a comunidade educativa e poboación próxima as súas propias obras.
 
A mostra, con obras individuais e colectivas, estará aberta ata o 25 de xuño e será a proba de lume destes pequenos-grandes artistas.
 
Dende o centro tamén se quere agradecer a colaboración brindada polo periodista Paulo Alonso, polo Concello de Valdoviño e, especialmente, pola técnica municipal de Cultura, Rita Díaz, que se implicou activamente dende o primeiro momento na mostra.