O Concello inicia as obras de mellora do illamento térmico da Biblioteca e accesibilidade ao almacén e auditorio da Casa da Cultura

O Concello de Valdoviño iniciaba no día de onte as obras de mellora do illamento térmico da Biblioteca e de accesibilidade ao almacén e auditorio da Casa da Cultura. Unha intervención que contempla a substitución das carpinterías de aluminio de vidro sinxelo, que favorecen as filtracións de auga e entrada de aire, por outras de mellores prestacións técnicas, reducindo considerablemente o gasto eléctrico en calefacción e mantenemento. Así mesmo, estase a reacondicionar o almacén sito no soto para dotalo de maior accesibilidade e, por anto, mellorar o seu uso, xa que ata o dagora tratábase dun espazo de difícil acceso. E, por último, substituirase a porta de emerxencia do auditorio ubicada na zona lateral, facilitando o uso e a evacuación en caso de emerxencia.
 
intervención inclúese nun paquete de actuacións en inmobles municipais (iniciado xa na piscina municipal e en breve no pavillón do Longoiro) e suma un orzamento de 110.803 euros con cargo ao POS+Adicional.
 
 
Así mesmo, o alcalde, Alberto González, destaca a aposta continua pola mellora deste espazo cultural de referencia en Valdoviño ao longo dos últimos catro anos. Así, cun investimento de 90.000 euros procedeuse ao seu acondicionamento, redistribuíndo estancias e gañando espazo para a biblioteca que hoxe ocupa toda a segunda planta ao trasladar o despacho dos técnicos municipais para o primeiro andar, espazo no que tamén se habilitou o primeiro Museo do Surf de España e se creou unha sala de audiovisuais. Ademais, renovouse o sistema de calefacción do edificio e procedeuse ao acondicionamento dos aseos. Así mesmo, destináronse 21.000 euros dunha achega da Consellería de Cultura para realizar obras de accesibilidade nos aseos da planta baixa e, con fondos propios, renovouse o sistema de son e audiovisual do auditorio.
 
 
Por último, Alberto González explicou que, unha vez conclúa esta última intervención, que se estima este mesmo mes, o Concello iniciará de inmediato os traballos de reposición dos fondos bibliográficos para proceder á reordenación e reapertura da biblioteca municipal, unha actuación que tivo que esperar ao cambio de carpintería que agora se aborda.