O Concello de Valdoviño conclúe a rehabilitación do local veciñal de Aviño

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, realizaba esta mañá unha visita de fin de obra ao local da asociación de veciños de Aviño acompañado do concelleiro de Obras, Benito Vega. Un inmoble que foi obxecto nos últimos meses dunha reforma integral. O edificio veciñal, de 1930, conta cunha superficie útil de 135 m2 e noutrora albergou a escola unitaria. Aínda que foi susceptible dunha reforma nos anos 80, trinta anos despois o deterioro sufrido polo paso do tempo facía necesaria a intervención realizada, financiada con cargo ao POS+ da Deputación provincial da Coruña. Así, e xunto a outra actuación realizada en Loira, o orzamento ascendeu a 51.000 euros máis IVE.
 
Os traballos contemplaron a reforma integral do inmoble e incluíron a substitución das xanelas por outras de aluminio con doble vidro e aillamento térmico, reparación da cuberta, dotación de revestimento antideslizante nos peldaños da escaleira, colocación de novo chan de gres e falsos teitos, construción de novos aseos na planta baixa (un deles adaptado para persoas con mobilidade reducida) e outro aseo na primeira planta, dotación de sistema de climatización e mellora da instalación eléctrica e de fontanería. Todo isto completouse cunha actuación nas paredes exteriores, descubrindo a pedra. Ademais, recuperouse unha escultura asinada por Siro que hoxe luce na fachada.
 
Esta intervención sumouse ás realizadas nos últimos meses. Entre elas, a construción dun novo parque infantil e outro biosaudable na parcela contigua ao local social; a instalación de alumeado LED ou a retirada de árbores que supoñían un perigo para os usuarios deste espazo.