Visita ao Concello da internacional Alicia Fernández, mellor deportista na I Gala do Deporte de Valdoviño

O prometido é débeda e, tal e como avanzara por videoconferencia o pasado mes de abril, na I Gala do Deporte de Valdoviño, a xogadora de balonmán Alicia Fernández Fraga, desprazábase á casa consistorial a semana pasada para agradecer a súa designación como a mellor deportista local no 2019. Era recibida polo alcalde, Alberto González, e o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra.
 
Internacional coa selección nacional de balonmán, campiona da Liga española, da Copa da Reina, da Supercopa e, no 2018, subcampiona da Copa Romaniel, en Romanía, onde xoga na actualidade. Foron algúns dos aspectos destacados polo xurado á hora de xustificar a elección de Fernández Fraga.