O Concello inicia os traballos de elaboración do II Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes

O Concello de Valdoviño arrancou os traballos de elaboración do II Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes. Este proceso desenvolverase dende unha perspectiva participada, tendo en conta as opinións e percepcións do persoal técnico de todas as áreas  municipais, o persoal político, os axentes sociais e económicos, a comunidade educativa e as mulleres do municipio.
 
O II Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes de Valdoviño pretende constituír unha folla de ruta que fixe o traballo a desenvolver nos vindeiros catro anos en materia de igualdade de xénero. O documento contemplará políticas e accións que se liderarán dende as diferentes áreas municipais, o obxectivo é posicionar á igualdade de xénero como un tema fundamental na axenda municipal. 
 
Deste xeito, o Concello comezou agora cun informe diagnóstico a través da convocatoria de diferentes reunións de traballo a nivel interno, así como coa veciñanza para ter en conta as necesidades, opinións e percepcións arredor da igualdade de xénero. Un primeiro paso que subvenciona o Ministerio de Igualdade, a través do Pacto de Estado, cunha axuda de 1.800 euros.