O Concello organiza unha xornada de portas abertas coincidindo coa apertura do prazo de preinscrición na Aula da Natureza-PAI

O alcalde, Alberto González, informou esta mañá de que o Concello celebrará este xoves 2 de maio unha xornada de portas abertas na Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia coincidindo coa apertura do prazo de preinscrición neste recurso de cara ao vindeiro curso. Celebrarase de 16,30 a 18,30 horas, de modo que as persoas interesadas poidan coñecer de preto non só as instalacións senón tamén o proxecto educativo do centro, baseado no respecto polo medio e a contorna. Así mesmo, Alberto González informou tamén da redución das tasas a abonar de cara ao vindeiro curso aprobada polo Concello. A xornada completa (de 8 a 16 horas) pasará dos 190 euros mensuais aos 160 e, a media xornada (de 9 a 13 horas), dos 120 euros actuais ata os 90.
 
Así, a preinscrición pode formalizarse entre o 2 e o 16 de maio, no Rexistro Xeral Municipal e, a folla de inscrición, pode descargarse dende xa da web municipal (www.concellodevaldovino.com).
 
O servizo conta con 20 prazas para nenos e nenas de 4 meses a 3 anos e, concluído o prazo, valoraranse as preinscricións se hai máis demanda que oferta. En caso contrario, todas as solicitudes recibirán o visto bo e o prazo de matrícula abrirase do 1 ó 15 de xuño.
 
As instalacións están ubicadas na zona da praia da Frouxeira e contan no seu interior con dous espazos para o xogo, outro para o descanso, cuartos de baño e cociña. Complétase cunha zona exterior de xardín con elementos para o xogo e unha pequena horta.