Nenos e nenas da Aula da Natureza colaboran con Avimós na conservación e promoción da Galiña de Mos

Por segundo ano consecutivo, os nenos e nenas da Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia veñen de sumarse ao proxecto de visibilización, conservación e promoción da raza da Galiña de Mos que promove a Asociación Avimós. Esta semana o representante da entidade desplazábase a Valdoviño para axudar aos meniños e meniñas a colocar os ovos un a un na incubadora, botarlle auga e graduar a temperatura e humidade. Agora, toca esperar os 21 días de rigor para ver nacer os pitiños.
 
A actividade inclúese na filosofía do centro de potenciar as actividades vinculadas co entorno natural. Un xeito diferente de aprendizaxe en plena natureza. Neste caso, favorecendo a conservación da galiña de Mos, unha raza galega das máis antigas da Península Ibérica que, nas últimas décadas, estivo ao borde da extinción.
 
A Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia cumplirá en xuño o seu segundo ano de actividade, favorecendo a conciliación da vida familiar e laboral das familias de Valdoviño.