A Deputación destina 280.000 euros á mellora dos accesos ás praias de Meirás

Mellorar a accesibilidade e os camiños e equipamentos de ocio existentes no acceso ás praias da parroquia de Meirás, ademais de dotalas dunha zona de aparcamento disuasorio e o acondicionamento do campo anexo é o obxectivo do convenio para o que a Deputación da Coruña destina un total de 280.000 euros.
 
Un total de 280.000 euros, o 80% do orzamento total do proxecto que ascende a 350.000 euros, é a achega que a Deputación da Coruña destinará ás obras de mellora dos accesos ás praias de Meirás, namentras que o Concello aportará o 20% restante, nunha actuación que contribuirá á rexeneración ambiental e a reordenación da zona e permitirá trasladar a Festa do Porto dun enclave de especial interese natural que está considerado espazo protexido.  A Deputación da Coruña responde así á demanda de entidades sociais e deportivas para un proxecto que suporá tamén a rexeneración ambiental dun espazo protexido.
 
"O proxecto é froito do compromiso do goberno da deputación da Coruña con entidades sociais e deportivas da localidade que trasladaron a necesidade desta actuación para a promoción turística e tamén para a mellora de accesos e conservación ambiental dun espazo especialmente protexido", sinala o deputado de Contratación e Patrimonio, Xesús Soto.
 
O convenio de colaboración entre a Deputación da Coruña e o Concello de Valdoviño foi aprobado este luns na comisión de Cooperación, Plans Provinciais, Asistencia a Municipios, Turismo e Patrimonio Histórico Artístico que preside o deputado Xosé Regueira e está incluído na orde do día do pleno que este venres se celebrará na institución provincial.
 
O proxecto contempla actuacións de mellora en camiños municipais e equipamentos de ocio existentes no acceso ás praias do entorno da parroquia de Meirás e inclúe a ordenación e mellora da accesibilidade aos espazos das praias de Mourillá, Frouxeira, o acceso a Punta Foruxeira, o Portiño e a súa capela, a dotación dunha zona de aparcamento disuasorio e o acondicionamento do campo anexo como espazo de lecer para a práctica de actividades e deportes relacionados coa natureza.
 
O proxecto forma parte do labor da Deputación da Coruña de fomento dun turismo de calidade e responsábel, cun acceso adaptado a todas as persoas e con respecto á biodiversidade, á paisaxe e a riqueza natural do territorio.
 
Neste sentido, o litoral de Valdoviño está recoñecido como espazo natural e de ocio de especial relevancia e o proxecto busca eliminar os colapsos de vehículos que, en temporada alta, se producen nas entradas das praias e dificultan o uso do espazo e prexudican a calidade ambiental da zona.
 
A proposta construtiva contempla a colocación de beirarrúas perimetrais de dimensións suficientes para o tránsito de persoas con mobilidade reducida a pavimentación  dos viais e a diferenciación da zona de aparcamento para unha mellor delimitación e organización do tráfico rodado.  Habilitaranse tamén pasos de peóns a nivel e zonas de estacionamento para persoas con dificultade de mobilidade e acondicionarase o actual campo da festa como un espazo multiocio para a práctica de actividades ao aire libre.