O Concello organiza os primeiros Itinerarios Literarios por Valdoviño

Percorrer todas as parroquias do municipio de Valdoviño, facendo unha parada nas mesmas onde se lerá  unha breve lembranza a modo de recoñecemento dalgún/a autor-a literario que estea ligado directamente coa devandita parroquia, é o obxectivo dos primeiros Itinerarios Literarios que promove o Concello a través da Concellería de Cultura.
 
Nesta liña, o alcalde, Alberto González, explicou que a actividade vaise dividir en dúas partes. A primeira delas celebrarase conmemorando o Día do Libro e será o 20 de abril ás 17 horas con saída da Casa da Cultura en autobús cara ao seguinte punto de encontro, que será Loira. De aí, o itinerario continuará en Vilaboa, Vilarrube e Pantín, lugar donde rematará a actividade e dende donde se trasladará aos participantes novamente ao punto de saída.
 
A segunda parte da ruta realizarase no mes de maio, conmemorando as Letras Galegas e as localizacións serán Valdoviño, Lago, Sequeiro-San Bartolo e Meirás.
 
Ao final de cada unha das dúas partes nas que se divide a actividade haberá unha actuación artística, correndo a cargo a primeira delas da artista Helga Méndez e o cantautor Roger de Flor, que presentará o espectáculo poético e concerto acústico ”Ela e Dylan: as flores solitarias”, sobre temas  do músico e premio Nobel de Literartura Bob Dylan.
 
Para participar é necesario inscribirse previamente. Pode facerse dende xa, tamén mañá venres, o luns 15, martes 16 e mércores 17 de abril, chamando ao 981 48 76 66 ou presentándose na Casa da Cultura das 10 ás 14 horas. As prazas son limitadas.