Estudantes do CPI Atios reescriben os contos clásicos dende unha visión non sexista para compartilos cos nenos e nenas do PAI

Os alumnos e alumnas de sexto curso de Educación Primaria do CPI Atios veñen de reinterpretar os contos clásicos que acompañaron a tantas xeracións pero dende unha visión non sexista, sen ningún tipo de estereotipo. Un traballo que desenvolveron ao longo das últimas semanas nas aulas baixo a dirección das súas mestras María Dolores Freire Villar e Eva Gómez Leira e que esta mañá compartían cos máis pequerrechos e pequerrechas do municipio: os nenos e nenas que acoden a diario á Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia de Valdoviño. Como antesala do Día da Muller, representaban estes contos para eles. E, en concreto, «Brancaneves» e «As tres porquiñas». Ata alí se desprazaron tamén a concelleira de Servizos Sociais, Rosana García, e o de Servizos, Benito Vega.

Alumnos e alumnas do CPI de Atios escenificaron «As tres porquiñas» a través dunha serie de monicreques e decorados feitos por eles mesmos, namentras que para «Brancaneves» puxéronse na mesma pel das persoaxes e interpretaron o conto.

O certo é que fixeron as delicias dos nenos e nenas, aos que agasallaron cuns contos libres de estereotipos que confían perduren no tempo dende esa perspectiva. Así mesmo, o PAI «recompensounos» cunha merenda que compartiron cos máis pequenos e pequenas.