O Concello estende o alumeado público LED aos accesos peonís do centro de saúde

O alcalde, Alberto González, informou esta mañá de que o Concello vén de concluír os traballos para dotar de iluminación LED os accesos peonís do centro de saúde. Tecnoloxía que mellora a calidade lumínica do alumeado e reduce o consumo eléctrico arredor dun 60%.
 
A intervención inclúese no plan de eficiencia enerxética posto en marcha hai tres anos e medio para avanzar no obxectivo de estender a tecnoloxía LED ao 100% do termo municipal. Logrando, amais de minimizar o impacto no medio, unha rebaixa no consumo e na factura, e conseguir unha importante mellora da seguridade vial para peóns e condutores.
 
Así, nos últimos anos, o Concello ten completado a renovación por LEDs na AC 116 (entre a rotonda de Robles o límite con Narón), nos núcleos de Viansil, de Lavacerido, de Taraza, na contorna da praia e lagoa da Frouxeira, na Travesía de Atios, na Porta do Sol, nos entornos do CPI Atios, Centro de Saúde e Casa da Cultura, en puntos das parroquias de Loira, Pantín e Vilarrube, no Carballal e na Avenida Areeiros.
 
Ademais, en licitación pública están as obras de renovación do alumeado público na estrada AC-566, un dos principais accesos á localidade, que serán financiadas con cargo ao Plan Único da Deputación da Coruña por un importe de 50.000 euros. Renovaranse un total de 135 antigas lámpadas de vapor de sodio nos tramos de Robles (entrada a Valdoviño), Cabezal e Carreira (na estrada que vai cara a San Sadurniño e os distintos ramais existentes da zona) por novas luminarias con tecnoloxía LED de 80 vatios.