O Concello organiza un curso de inglés oral dirixido ao comercio e hostalería locais

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, informou esta mañá de que o Concello, a través da Concellería de Turismo e Cultura, porá en marcha un curso de inglés oral dirixido fundamentalmente aos traballadores do comercio e da hostalería locais. Con esta acción formativa, completamente gratuíta, búscase contribuír á mellora da atención á clientela de procedencia estranxeira que, ano tras ano, gaña peso nas estatísticas de visitantes ao municipio, especialmente polo auxe do surf e da práctica dos deportes náuticos.
 
Así, o prazo de inscrición abrirase este mércores, 6 de marzo, e poderá formalizarse na Casa da Cultura de luns a venres de 10 a 14 horas ou chamando ao teléfono 981 48 76 66 (no mesmo horario). Pecharase o 15 de marzo. Terán preferencia aquelas persoas que traballen no comercio e hostalería locais e, en caso de non cubrir as 20 prazas ofertadas, darase entrada á veciñanza en xeral –con preferencia dos empadroados-.
 
O curso desenvolverase durante os meses de abril e maio, en sesións semanais de 90 minutos e para participar hai que ter 16 ou máis anos e non se require contar con coñecementos previos do idioma.