A estrada de Valdoviño a Cedeira terá tres carrís entre O Carballal e A Ramalleira

Os alcaldes de Cedeira, Pablo Moreda, e de Valdoviño, Alberto González, continúan avanzando xunto coa Xunta nas obras para mellorar a mobilidade, reforzar a seguridade vial e reducir os tempos de percorrido entre os dous municipios, favorecendo así a súa conexión coas principais cidades galegas e facilitando a circulación aos veciños das dúas localidades. Esta mañá, os dous rexidores, acompañados dos tenentes de alcalde María Xosé Rodríguez e Rosana García e dos concelleiros de Obras Manuel Pérez Riola e Benito Vega, mantiñan unha nova reunión de traballo  co Xefe de Planificación e Programación da Consellería de Medio Ambiente, Carlos Lefler; a súa homóloga de Proxectos, María Jesús Tejada, e o redactor do proxecto, Antonio Durán.

Primeiro na Alcaldía de Valdoviño e de seguido a pé de estrada, representantes municipais e autonómicos avaliaban sobre o terreo o contido da primeira fase da intervención. Nesta liña, Pablo Moreda e Alberto González avanzaban que a estrada AC566, de titularidade autonómica e máis coñecida como estrada de Cedeira a Valdoviño, contará con tres carrís practicamente en todo o tramo entre o Carballal –saída da parroquia de Valdoviño, á altura da estrada provincial que dá acceso ao CPI Atios- e A Ramalleira, en Pantín. En concreto, en tres treitos de 800 metros cada un que cubren case que a totalidade da vía entre os dous puntos. Habilitando ese terceiro carril, os dous rexidores están convencidos, e así o avalan os informes técnicos, de que a vía gañará en fluidez e mellorarase substancialmente a mobilidade.

Así mesmo, na xuntanza desta mañá, alcaldes e técnicos avanzaron no traballo para a redacción inmediata da segunda fase do proxecto, que incorporará dúas importantes propostas trasladadas por Cedeira e Valdoviño. En concreto, habilitarase un terceiro carril na estrada ao seu paso pola parroquia de Esteiro para facilitar os adiantamentos e proponse a mellora da intersercción da estrada á altura do vial que dá acceso ao CPI Atios. Un cruce a mellorar, tanto en condicións de visibilidade como de control de velocidade, e que rexistra unha alta densidade de tráfico.

Tras anos e medio de traballo deron como froito a redacción da primeira fase da intervención, que se prevé aprobe de inmediato de cara a licitar as obras. Obxectivo para o que buscarán agora a colaboración da Xunta de Galicia. Así, o Concello de Cedeira, en representación tamén do de Valdoviño, cursará unha petición de reunión co titular da Administración autonómica, Alberto Núñez Feijoo, para tentar acelerar os prazos.