Adxudicadas as obras de mellora na Casa da Cultura, piscina e pavillón municipal de Valdoviño por 110.803 euros

A Deputación da Coruña e o Concello de Valdoviño informaron esta mañá da adxudicación definitiva de tres importantes actuacións de mellora nas instalacións municipais. Levaranse a cabo na Casa da Cultura, a piscina municipal e o pavillón deportivo da localidade, cun investimento total de 110.803 euros e un prazo de execución de catro meses.

As obras, financiadas con cargo ao Plan Único de Concellos (POS+2018 Adicional) da Deputación,  permitirán mellorar a funcionalidade e eficiencia enerxética das instalacións, reducindo os gastos de mantenemento e os consumos eléctricos.

Así, na Casa da Cultura procederase á substitución das carpinterías de aluminio de vidro sinxelo, que favorecen as filtracións de auga e entrada de aire, por outras de mellores prestacións técnicas, reducindo considerablemente o gasto eléctrico en calefacción e mantenemento. Asímesmo, reacondicionarase o almacén para dotalo de maior accesibilidade e, polo tanto, mellorar o seu uso, xa que hoxe en día trátase dun espazo de difícil acceso. Tamén se substituirá a porta de emerxencia do auditorio, ubicada na zona lateral, facilitando o uso e a evacuación en caso de emerxencia.

Respecto á piscina municipal, ubicada na parroquia de Lago, levarase a cabo unha nova impermeabilización do vaso, renovación de boquillas, canaletas e sumidoiros, coacolocación dun novo pavimento en todo o seu perímetro, facilitando tamén a súa accesibilidade. Darase solución aos problemas estruturais das instalacións, que impiden actualmente o seu uso e desfrute.

Por último,  no tocante ao pavillón municipal do Longoiro, emprazado en Meirás, substituiranse as portas de saída de emerxencia nos laterais que, froito do paso do tempo, presentan altos niveis de corrosión nos ferraxes.

As actuacións permitirán ampliar a vida últi das infraestruturas en aproximadamente uns 20 anos, dependendo do uso e o mantenemento, favorecendo as súas condicións de uso por parte da veciñanza.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou a “importante contribución do Plan Único para que os concellos da provincia podan mellorar as súas infraestruturas e servizos”.

Pola súa banda, o alcalde de Valdoviño, Alberto González, destacou a aposta continua do Concello pola conservación e posta en valor dos inmobles e instalación municipais nos últimos tres anos e medio, xa que estas actuacións súmanse a outras moitas –a reforma integral da Casa da Cultura para acoller o Museo do Surf e a creación de aseos adaptados; a construción dun novo sistema de drenaxe no pavillón; a rehabilitación en marcha dos locais sociais de Aviño e Loira; a creación dun almacén, renovación do chan da biblioteca, creación de novas aulas e renovación do peche no CPI Atios; a renovación da cuberta e mellora da accesibilidade no centro de saúde ou mesmo a futura recuperación do antigo mercado municipal para convertilo en centro sociocomunitario, entre outras. En todo caso, o alcalde non quixo deixar pasar a oportunidade de pedir desculpas polo retraso que a implantación da administración electrónica ocasionou no proceso de contratación das obras que agora comezan.