O Concello de Valdoviño presenta ante a Xunta as propostas de mellora para o Plan de Transporte Metropolitano

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, informou esta mañá de que o Concello vén de trasladar á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade novas alegacións ao Plan de Transporte Metropolitano para mellorar as conexións cos centros educativos de Cedeira, Narón e Ferrol e coas instalacións sanitarias destas últimas cidades. Ademais, recóllense novas melloras planteadas polas entidades na xuntanza informativa que o alcalde mantivo con estas para abordar o plan tras reunirse con responsables da Xunta, ao tempo que fai súa a alegación cursada pola AVV de Meirás.

Xa en xaneiro de 2017, nun escrito remitido polo Concello, o alcalde sinalaba que a principal demanda era a atención aos centros educativos e sanitarios, non só do municipio senón tamén dos que dan servizo á veciñanza de Valdoviño. Por tanto, engadiu o rexidor, é importante sinalar que á vista do proxecto agora en trámite de audiencia ditas necesidades cóbrense en boa medida, se ben unha vez analizado compróbanse algunhas carencias que o Concello quere queden solventadas, especialmente considerando que Valdoviño non dispón de IES nin FP. Así mesmo, a integración case total das liñas garante o acceso ao centro de saúde de Valdoviño de xeito xeral.

Ademais, o Concello informou recentemente ás asociacións veciñais do proxecto e incorpora as demandas formuladas, incluída a presentada por escrito pola Asociación de Veciños de Meirás, e pon á Policía Local a disposición da Xunta para colaborar á hora de subsanar erros no documento en relación a anchos de vía e planos.

Así, as propostas trasladadas son:

-Para cadrar as entradas e saídas no IES e FP de Cedeira solicítase adiantar o transporte de ida das 7:15 e o de volta das 14:55 axustándoo ao horario escolar nos días lectivos (Ferrol-Cedeira).

-En relación á parada que se indica no Polígono das Lagoas sinalar que o axeitado sería que fora a máis próxima aos centros educativos de Narón para atender ao ámbito educativo do Concello que acude a ditos centros.

-Nos tránsitos pola AC566 incorporar máis paradas, no tramo entre a AC-116 e Narón dada a longa distancia existente nun espazo da cuarta parroquia máis poboada do Concello.

-Con carácter xeral nestes tres tránsitos anteriores, proponse que os centros educativos de Narón e Ferrol que teñen clase pola tarde teñan dispoñibilidade de regreso á Valdoviño.

-En relación á asistencia aos centros educativos de Narón para atender á demanda dos veciños de Valdoviño fanse as seguintes propostas: que a saída desde Vilaboa poida ser algo máis adaptada á entrada; que o transporte en horarios escolares (de entrada e saída) poida subir pola AC-566 e dar volta na primeira rotonda do polígono das Lagoas para atender a dito centro educativo, e xerar uns tránsitos dende os que dan servizo a Neda e Narón pola estrada de Castela (AC862) para que dende Freixeiro poidan satisfacer a demanda de entrada e saída dos centros educativos e que poidan transbordar aos que utilizan o transporte. Esta proposta non só pretende satisfacer a demanda de Valdoviño, senón dos veciños de Narón que acceden polos servizos xerados dende a estrada de Castela e incluso dende as estacións do FEVE.

-Vista a proposta, proponse que o itinerario entre Cedeira e Valdoviño transcorra integramente pala AC566.

Así mesmo, o Concello recolle integramente a proposta trasladada pola AVV de Meirás e que solicita variantes e ampliación da liña Ferrol/Cedeira (por Taraza), incorporando o lugar de Montefaro.