Valdoviño, presente nos Encontros de Surf de Castrillón, en Asturias

O alcalde, Alberto González, participou esta mañá nos I Encontros de Surf de Castrillón, localidade mítica no mundo do surf como pioneira deste deporte na costa norte de España e sede do Festival Internacional Longboard, que se celebra en Salinas, declarado Festa de Interese Turístico do Principado de Asturias e que cada ano congrega a milleiros de surfeiros procedentes de países como EE.UU., Francia, Italia, Australia, Portugal ou Brasil.
 
O rexidor expuxo a experiencia de Valdoviño, convidado pola organización, baixo o título: Destino Surf. Alberto González compartiu ponencia con Teresa Fernández García, concelleira da Área de Emprego e Promoción Económica do Concello de Sopela, en Vizcaia. Non foi o único representante da comarca, xa que á cita, e tamén como ponente, acudiu Vicente Irisarri, do Océano Surf Club, fundador do Pantin Classic e un dos impulsores do Océano Surf Museo, o primeiro de España, que pode visitarse en Valdoviño.