O Concello de Valdoviño expón en Asturias a súa aposta polo surf como dinamizador da economía local

Convidado pola organización, Valdoviño participará esta fin de semana nos primeiros Encontros de Surf de Castrillón, en Asturias. O alcalde, Alberto González, trasladarase mañá sábado ao concello asturiano para dar a coñecer a aposta do noso municipio polo surf como motor de dinamización económica no turismo local. Na cita tamén tomará parte Vicente Irisarri, como fundador do Pantín Classic, e un dos impulsores do Océano Surf Museo.
 
Os encontros terán lugar no centro cultural Valey, promovidos pola Concellería de Turismo de Castrillón, e reunirán a expertos do sector público e privado para analizar e abordar temas de interese xeral para o sector. Será, en definitiva, un espazo para compartir experiencias entre actores principais do sector. Entre eles, Nacho García, responsable de formación da Federación Española de Surf; Miguel Riesgo, representante da Federación asturiana; Luis Cayón, técnico responsable de Turismo e Surf do concello de Ribamontan al Mar; Lucas García, dous veces campión de Europa, campión de España e adestrador; Daniel García Ontañón, catro veces campión de Europa e campión de España; Abraham Clemente Espinosa, responsable de surf adaptado da Federación asturiana de surf; Luis Morillas, da Asociación Surf Solidario; Jorge Iglesias, coordinador de Olas Sin Barreras; Carmen López, primeira española en participar nun campionato de surf adaptado en California, ou Teresa Fernández, concelleira de Emprego e Promoción Económica de Sopela, en Vizcaia.