O Concello retira a area arrastrada polos temporais á zona de aparcadoiro da Frouxeira

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, informou esta mañá de que o Concello vén de iniciar os traballos de retirada da area que arrastraron os últimos temporais ás zonas de estacionamento que lindan co areal da Frouxeira. Traballos realizados por operarios municipais que se estima se prolonguen ao longo desta semana.
 
Así mesmo, nas últimas xornadas realizáronse tamén os desbroces periódicos que o Concello leva a cabo nas inmediacións de paseo e areal da Frouxeira en virtude dun convenio de colaboración suscrito este mandato coa Demarcación de Costas e polo que a Administración local se encarga do mantemento destes espazos. Uns traballos que tamén se desenvolveron na parcela de 5.800 metros cadrados, paralela ao vial de acceso á lagoa da Frouxeira, cedida en 2017 polos propietarios ao Concello para habilitar novas prazas de estacionamento, sobre unhas 200.