O alcalde apunta á colaboración entre Xunta e Concello para avanzar na mellora de instalacións e servizos do centro de saúde

Acompañado do alcalde, Alberto González, e membros da corporación, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, visitou onte o centro de saúde de Valdoviño, no que finalizaron recentemente as obras de reforma. Obras que, como destacou o rexidor, nacen da colaboración entre Concello e Xunta. En concreto, as últimas actuacións consistiron na substitución da cuberta e a reparación da zona de entrada, así como a mellora da accesibilidade ao centro. Estas actuacións contaron cun orzamento total de 54.000 euros, dos que Sanidade aportou 40.000 euros e o Concello de Valdoviño 14.000 euros.
 
Estas intervencións veñen a sumarse ás realizadas durante os últimos meses neste centro da rede pública sanitaria de Galicia como a reorganización dos espazos do segundo andar que permitiu a reforma e ampliación da consulta para a matrona, cunha nova sala para educación maternal (que non existía); unha consulta e unha sala de estar para os profesionais. Unha actuación na que o Sergas investiu un total de 22.770 euros e que se suman aos máis de 6.000 euros investidos na creación dunha sala de extraccións con catro postos no andar baixo e a reforma do espazo destinado a admisión.
 
O centro de saúde de Valdoviño conta con 5.440 tarxetas sanitarias, das que 488 son de menores de 15 anos.