A Deputación colabora co Concello de Valdoviño na mellora das súas praias

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Valdoviño, Alberto González, asinaron esta mañá o convenio de colaboración polo que a Deputación destina 134.000 euros para colaborar co municipio no mantemento e mellora das súas praias e, principalmente, do servizo de salvamento e socorrismo.
 
Esta achega de 134.000 euros, supón case que duplicar a axuda recibida durante o 2017, cando a cuantía acadou os 75.000 euros. Uns fondos de especial importancia para Valdoviño, segundo sinalou o seu alcalde, xa que o esforzo económico realizado neste ano nas praias, un dos principais atractivos turísticos da localidade, ascendeu este ano ata os 167.500 euros.
 
Cunha liña de costa de 25 quilómetros e areais únicos, todos eles se inclúen na figura de protección medioambiental da Rede Natura 2000 e doutras figuras de protección específica de aves. A seguridade foi nos últimos anos unha prioridade e, de aí, o investimento que se realiza no servizo de salvamento e socorrismo, con 120.000 euros para os meses de xullo e agosto, así como a ampliación nos areais da Frouxeira e Pantín, os de maior afluencia, durante a primeira semana de setembro. Unha cifra que sitúa ó Concello como un dos que máis invisten neste capítulo en Galicia, por riba de destinos como Vigo ou Coruña en termos porcentuais de poboación.
 
Así mesmo, como consecuencia do carácter natural das praias, en catro delas non se permite dispor dunha edificación para albergar os servizos ou o material e persoal que require o servizo de socorrismo, polo que ano tras ano o Concello está obrigado a facer un importante gasto no aluguer de ditas instalacións, ata 12.000 euros. A estes gastos súmanse os derivados dos servizos de electricidade, mantemento e reparación das edificacións fixas existentes noutras praias.
 
Por outra banda, o mantemento dos accesos aos areais, dos espazos de aparcadoiros e das sendas de madeira e camiños e acceso ás praias, mediante pequenas reparacións son esenciais para permitir o acceso sen danar o espazo natural.
 
Unha labor para a que o Concello volve a contar este ano co apoio da Deputación, aliviando notablemente a cuantía do investimento que debe realizar.