Redrum Teatro trae este domingo a Valdoviño o seu espectáculo “Roedores”

O Concello de Valdoviño programa para este domingo, 9 de decembro, a obra «Roedores», da compañía Redrum Teatro. Dirixida ó público familiar, a función dará comezo ás 18 horas no auditorio da Casa da Cultura, con entrada libre e de balde ata completar aforo.
 
«Roedores» narra a historia de Peludiño, un hámster que escapou da súa gaiola para vivir aventuras na cidade, e de Munda, unha rata soñadora que pasa as noites rebuscando no lixo para levar comida aos seus irmáns. Estes dous roedores terán que deixar atrás os seus prexuizos e traballar en equipo para vencer ó temido Gato. Xuntos aprenderán que son máis parecidos do que eles pensaban e que as diferenzas os fan especiais.
 
Redrum Teatro regresa a Valdoviño despois de presentar no municipio «A nena que quería navegar». Conscientes de que o teatro debe servir como instrumento social, terapeútico e pedagóxico, a compañía foise especializando en espectáculos didácticos dirixidos a público infantil con textos da súa autoría ao tempo que compaxinan a súa produción con espectáculos para público adulto, tratando de facer un teatro lonxe de elitismos e que pretende abarcar un público de toda clase de condición social e inclusivo.