A igrexa de Vilarrube será escenario este sábado dun concerto do coro Diapasón

A igrexa parroquial de Vilarrube será escenario mañá sábado, 1 de decembro, dun concerto coral de música contemporánea a cargo do Coro Diapasón de Ferrol. Dará comezo ás 19 horas, con entrada libre e de balde e a actividade inclúese no programa municipal Escenarios Paralelos que impulsa o Concello de Valdoviño. Nesta ocasión, coa colaboración da Deputación provincial da Coruña.
Un programa co que o Concello saca da Casa da Cultura as súas propostas para levalas a escenarios alternativos como igrexas, capelas, faros, praias ou parques infantís. E, sobre todo, descentralizando as actividades en todas as parroquias do termo municipal.
Diapasón é unha interesante mestura de persoas de diferentes idades. Na actualidade está formado por 40 compoñentes, moitos deles, os máis novos, estudantes de música do Conservatorio de Música de Ferrol, aínda que está inmerso nun constante proceso de crecemento. Diríxeo Juan M. Brage Rabinas.