Redrum Teatro presenta este domingo en Valdoviño A nena que quería navegar

O auditorio da Casa da Cultura acollerá este domingo, 11 de novembro, a obra de teatro A nena que quería navegar. Será da man da compañía Redrum Teatro, no marco da programación cultural deseñada polo Concello co apoio da Rede Cultural da Deputación. A función, con entrada de balde ata completar aforo, dará comezo ás 18 horas e está dirixida a un público familiar.
 
A obra aborda o acoso escolar e a nena, que está farta de ser o centro das mofas dos seus compañeiros, foxe da escola coa intención de non volver nunca máis. Na súa aventura topará co Xeadeiro, un ser máxico e vital, que a base de contos, adiviñanzas, xogos e cancións, devolveralle a autoestima perdida. Ensinaralle que dentro de cada un de nós agóchase un ser máxico, único e especial, e que só crendo nas nosas capacidades seremos quen de acadar todo o que nos propoñamos.
 
Protagonizada por Guillermo Carbajo, Laura Míguez e Carlos Álvarez-Ossorio, a montaxe dirixida por Álex Sampayo é un espectaculo familiar recomendado para rapaces e rapazas entre seis e doce anos.