O Concello de Valdoviño abre a inscrición na programación de actividades deportivas

A Concellería de Deportes que dirixe Sergio Saavedra vén de abrir o prazo de inscrición na programación de actividades deportivas para o curso 2018-2019. A oferta inclúe para persoas adultas zumba no local social de Vilarrube os martes e xoves de 20 a 21 horas e un prezo da actividade de 8,86 euros; bailes latinos no pavillón do CPI Atios os xoves de 21,30 a 23,30 h e 8,86 euros de cuota, e ioga no auditorio da Casa da Cultura de Valdoviño luns e mércores en horario de mañá (de 10 a 11,30 h) e de tarde (de 20,30 a 22 h) e unha cuota de 12,54 euros.
 
Así mesmo, para adultos e nenos o Concello ofrece clases de tenis e de tiro con arco no pavillón do Longoiro, en Meirás. A actividade de tenis para nenos ata 13 anos desenvolverase os martes de 19,15 a 20,15 h e os venres de 18,30 a 19,30 h cun custe da actividade de 7,37 euros ó mes; tenis para nenos a partir de 14 anos celebrarase os martes de 20,15 a 21,45 e xoves de 19,15 a 20,45 coa mesma cuota que a anterior. Así mesmo, crearanse dous grupos para a celebración das clases de tenis para persoas adultas. O primeiro, os martes de 20,15 a 21,45 e os xoves de 19,15 a 20,45 e, o segundo, os xoves de 20,45 a 22,15 e os venres de 19,30 a 21 h. Neste caso, a cuota a abonar é de 12,54 euros ó mes.
 
Tiro con arco para nenos e adultos celebrarase os luns e mércores de 18 a 20 horas e os sábados de 10 a 12 h cun custe en función dos días de clase -1 día 8,86 euros ó mes para persoas adultas e 7,37 para nenos; 2 días 12,54 euros ó mes para adultos e 11,06 euros ó mes para nenos, e tres días 22,12 euros ó mes para adultos e 18,43 para nenos.
 
O prazo de inscrición está aberto e pode formalizarse na casa consistorial (no rexistro municipal de luns a venres de 9 a 14 h) ou na oficina municipal de turismo (en horario de 16 a 20 h e só durante o mes de setembro).
 
Para calquer dúbida o consulta, as persoas interesadas poderán dirixirse á Concellería de Deportes (segunda pranta da consistorial) os luns, martes mércores e venres de 12,30 a 14 h ou o xoves de 10 a 14 h.