O Concello de Valdoviño procede ó pintado interior da segunda planta do CPI Atios e constrúe un almacén

Atendendo as peticións do centro, e na liña de mellora das instalacións, o Concello de Valdoviño vén de concluír os traballos de pintado de toda a segunda planta do CPI Atios, aulas e pasillos. Nas primeiras estancias, os operarios municipais tamén procederon á retirada dos armarios empotrados, moi deteriorados polo paso do tempo e na actualidade sen apenas uso, o que tan só reducía o espazo das aulas. O alcalde, Alberto González, xunto ó director do CPI Atios, Antonio Cebreiro, e os concelleiros de Obras, Benito Vega, e Educación, Rosana García, supervisaban o resultado das obras, incluidas no programa municipal de conservación e posta en valor de edificios e espazos públicos.
 
Tras rematar estas tarefas, na actualidade o Concello está a construír tamén un almacén, do que a día de hoxe carece o CPI, para mellorar o almacenaxe do centro. Ocupará uns 45 metros cadrados e estase a habilitar nun espazo sen uso entre dúas das edificacións do CPI. O Concello confía en rematar as tarefas durante o mes de setembro.