Valdoviño celebra este luns o primeiro aniversario do seu Punto de Atención á Infancia cunha xornada de portas abertas

O alcalde, Alberto González, acompañará ó conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, nunha visita á escola nesa xornada
 
O Punto de Atención á Infancia de Valdoviño, emprazado na Aula da Natureza, está de aniversario. Neste mes de maio cumpre o seu primeiro ano de actividade e, para conmemorar tan sinalada efeméride, o Concello organizará este luns unha xornada de portas abertas. O alcalde, Alberto González, explica que o obxectivo é dar a coñecer as instalacións a toda a veciñanza. Así mesmo, o mesmo luns, o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitará ás 11 horas o centro acompañado do rexidor. Un centro clave para facilitar a conciliación da vida persoal e laboral das familias de Valdoviño, permitindo ó Concello fixar poboación. As instalacións están ubicadas nun entorno único como é a zona da praia da Frouxeira e contan no seu interior con dous espazos para o xogo, outro para o descanso, cuartos de baño e cociña. Complétase cunha zona exterior de xardín con elementos para o xogo e unha pequena horta.
 
O seu funcionamento é de 8 a 16 horas de luns a venres, pechando no mes de agosto. Ademais da xornada completa hai opción de media xornada en horario de 9 a 13 horas. Proporcionaráselles almorzo e merenda, así como o xantar ás crianzas que participen da xornada completa, sendo as familias as encargadas de aportalo.
 
A el acoden a diario 15 nenos e nenas de entre 4 meses e 3 anos e, a día de hoxe, o prazo de preinscrición continúa aberto. As familias interesadas en dispor do servizo deben presentar a súa solicitude e documentación antes do día 15 no Rexistro Xeral –primeira pranta da casa consistorial-. As fichas de preinscrición poden, así mesmo, descargarse da web municipal (www.concellodevaldovino.com). Concluído o prazo, valoraranse as preinscricións se hai máis demanda que oferta. En caso contrario, todas as solicitudes recibirán o visto bo e o prazo de matrícula abrirase do 1 ó 15 de xuño.