Seis empresas optan ás obras de reforma e mellora dos locais sociais das parroquias de Aviño e Loira

Seis empresas presentaron a súa oferta ó concurso aberto polo Concello de Valdoviño para acometer as obras de reforma e mellora dos locais sociais das parroquias de Aviño e de Loira. Onte pola mañá celebrábase a primeira mesa de contratación das intervencións, que contan cun orzamento conxunto de 75.000 euros. O alcalde, Alberto González, explica que se financiarán con cargo ó Plan Único da Deputación (POS+ 2017) e permitirán mellorar ambos inmobles e ofrecer un mellor servizo á veciñanza.
 
Ó detalle, o local social de Aviño conta cunha superficie útil de 135 m2, data de 1930 e foi reformado nos anos 80. Actualmente é usado como centro social, pero o edificio conta cunha serie de danos e desperfectos, polo que é necesario levar a cabo obras de reforma que permitan un adecuado desenvolvemento das actividades que acollen as instalacións. Os traballos programados supoñen unha reforma integral do inmoble e inclúen a substitución das xanelas por outras de aluminio con doble vidro e aillamento térmico, reparación da cuberta, dotación de revestimento antideslizante nos peldaños da escaleira, colocación de novo chan de gres e falsos teitos, construción de novos aseos na planta baixa (un deles adaptado para persoas son mobilidade reducida), dotación de sistema de calefacción e mellora da instalación eléctrica e de fontanería.
 
Doutra banda, no inmoble do antigo Palco de Loira, o Concello pretende a súa conversión nun auténtico local social. Conta nas súas inmediacións cun parque infantil, unha pista polideportiva e o cemiterio da parroquia, e as obras consistirán fundamentalmente na dotación de novos aseos accesibles. Para elo construirase un bloque de madeira tratada en autoclave con dous aseos adaptados para persoas con mobilidade reducida que ocuparán un espazo total de 9 metros2.