A Valedora trasládase a Valdoviño para atender in situ as consultas e queixas da veciñanza

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, acompañado da concelleira de Cultura, Rosana García, recibían esta mañá á Valedora do Pobo, Milagros Otero Parga, de visita institucional ó Concello para atender as consultas e queixas da veciñanza do municipio. Á súa chegada á casa consistorial, Milagros Prieto saudaba ós traballadores municipais e procedía á sinatura no libro de ouro do Concello. Acto seguido, mantiña un encontro de traballo co rexidor, a edila e funcionarios municipais.
 
Así mesmo, xa en horario de tarde, de 16 a 18 horas, a Valedora do Pobo atenderá as queixas e consultas que lle trasladen veciños e veciñas nun encontro de portas abertas que terá lugar no salón de plenos da casa consistorial.
 
Segundo sinala a Valedora, o obxectivo principal da visita é achegar os servizos que ofrece a institución do Valedor do Pobo á cidadanía co fin de atender, protexer e defender os seus dereitos fronte ás actuacións das administracións públicas en políticas agrícolas e gandeiras, sanitarias, educativas, de vivenda, servizos sociais, medio ambiente, xustiza, urbanismo; e tamén en cuestións relacionadas cos servizos de interese xeral, como poden ser as reclamacións con empresas de subministración de servizos públicos, entidades financeiras, etc.